Vísceras para todos ou Ash Vs Evil Dead


org7854-15-ax_wallpaper_widescreen

Debo recoñecer que tardei en vela porque todo o mundo falaba de que botaba moito por fóra en cuestión de sangue e tripas, e é certo, carnicería ten toda a que queirades. Aínda así non se fai desagradable no sentido de quitar a fame ou revolver o corpo nin ter pesadelos. Máis ben o que dá é risa, desa risa cómplice que che sae cando un colega conta un chiste malo. Non deixas de querelo pero case que botas as mans á cabeza e dis para adentro “mimá, xa che vale!“.

Ash Vs Evil Dead ten moito desta sensación, de reencontro, de festa entre vellos coñecidos e de referencias ás que nos une un pasado lúdico que lembramos con certa tenrura.

Para poñer ao día aos posibles non iniciados (que igual os hai):

Sam Raimi presentou alá polo 1978 unha curta de 32 minutos chamada Within the Woods (que podedes buscar polo youtube aínda que a calidade é lamentable), cuns amigos seus de intérpretes principais, e como triunfou bastante nas proxeccións que tivo en sala decidiron facer a peli.

Así, no 1981 roda Evil Dead, na que repiten os actores protagonistas. E na volta dun par de anos vólvese un fenómeno de culto entre os fans do horror de serie B. Bruce Campbell será o actor fetiche co que repetirá en varias ocasións máis. (tráiler aquí)

No 1987 fai Evil Dead 2, xa contando cun presuposto dez veces maior. (tráiler aquí)

No 1992 fai a terceira, que se chamará Army of Darkness. Na que a comedia xa é totalmente explícita. O mellor desta é o propio exército, unha homenaxe ben sentida ao gran Harryhausen, que os incorporou coa técnica do stop-motion á súa Jason and the Argonauts (1963). (tráiler aquí)

En todas elas o protagonista absoluto é un personaxe chamado Ash, que interpreta Bruce Campbell, e que ten todo o necesario para que o detestemos pero por algún motivo non o facemos. Ash é bastante parvo, soberbio, chulesco, vaidoso e egoísta, pero algo terá porque no fondo querémoslle ben. Tamén gaña puntos o feito de que ante a invasión do mundo por seres infernais el se veña arriba e loite armado cunha motoserra que substitúe á súa man autoamputada. Igual por iso o queremos, non o sei.

No 2013, faise o remake de Evil Dead, dirixida por Fede Álvarez. (tráiler aquí)

E xa no 2015 estréase a serie Ash Vs Evil Dead. Polo de agora renovou por unha segunda tempada. Na serie retómase todo o argumento do Necronomicón e o espertar de seres malignos pola irresponsabilidade de Ash, que aquí xa non é ningún rapaz, pero ten o mesmo sentido. Gústame como emprega imaxes das pelis orixinais para facer os flash backs, encántanme os diálogos e supoño que é un acerto que os capítulos teñan unha duración de 30 minutos. Derrocha efectos especiais e resúltame curioso como se exceden unha vez e outra tamén e nunca parece demasiado. Esgotarase Ash Vs Evil Dead de tan rebuscado que é todo o que fan ou acaso teñen unha imaxinación infinita para as bizarradas coma a escena da morgue (que pode que sexa a cousa máis noxenta de toda a serie)? En calquera caso, conto con estar aí para ver como acaba isto.

Aquí os primeiros minutos do primeiro capítulo.

E como o mundo non está só feito de fans de Campbell, sabede que aparece de secundaria maligna a actriz Lucy Lawless, que igual vos sona máis se lle chamamos “Xena, a princesa guerreira“. Así que racións de nostalxia hai unhas cantas.

Non quero rematar sen deixar aquí unha referencia apuntada. Por se alguén non a viu, hai unha peli que en realidade non pertence á franquicia pero recolle a trama de Evil Dead para o inicio da súa propia, aínda que logo o argumento tire por onde menos se pode esperar. Falo da xenialísima The cabin in the woods.Estreada no 2012 e con Josh Whedon na produción. Peliculón. Imprescindible e grandiosa. (tráiler aquí)

E nada máis, coidado co que ledes en voz alta!

Deixar un comentario