Intranquila en Dunwich


Eu querer quería facer un post describindo as marabillas de Todo tranquilo en Dunwich. Porque esta xente, e cando digo esta xente refírome a Érica Couto e José Luis Forte, deciden poñerse a gravar conversas sobre os seus favoritos do horror sen ter en conta as consecuencias. Debía ir o podcast cun carteliño moi grande que dixera: PERIGO! CAUSA OBSESIÓN! E non sería mentira. Porque ademais de seren moi riquiños ambos teñen unha paixón polo terror desas contaxiosas (que a risa de Érica tamén o é). Así que polo de agora van tres estupendísimas conversas, coas que delirei coma se estivera na casa da bruxa, con bucles de reprodución e anotacións do Máis Alá. E parece ser que o seguinte sairá en breve.

Como apoio tedes os artigos do blog, onde eles mesmos facilitan a bibliografía que comentan, o cal vos libra de tomar notas como fixo esta enferma que vos escribe. Tendo en conta que a miña -xa insufrible- cola de lectura se estendeu horrorosamente, non sei cando poderei -se é que ese día chega- comentar as lecturas das que falan. En calquera caso é unha delicia escoitalos desmembrar cada texto ao que fan referencia. Se estades perdendo o tempo este verán de calor mortífera, este é un bo remedio, xa que podedes escoitalo tranquilamente a onde vaiades.

Aquí os podcasts en ivoox

Aquí o blog

E tamén podedes seguilos no Facebook

Que vos preste, eu xa avisei de que eran droja pura!

 

Deixar un comentario