1, 2, 3… splash!


Non é que vaia falar de sereas precisamente, pero si de piscinas. Desas nosas amigas azuladas e domesticadas, cubertas de azulexos, expresión dunha vida acomodada e que de vez en cando nos permiten esceas de horror con bastante xogo.

A auga en formas naturais é moi fácil de usar como elemento perturbador, o propio océano é a expresión do sublime en canto á enorme magnitude e a porta a outros mundos e seres (e senón que veña Lovecraft e o confirme). Incluso correntes coma ríos ou superficies estancadas coma lagoas ou presas tamén funcionan moi ben no horror (aí temos “A balsa“, capítulo de Creepshow 2 baseado no relato homónimo de Stephen King) pero o das piscinas é diferente. Elas deberían estar baixo control, xa non forman parte da natureza e, aínda así, o elemento segue sen ser o noso lugar ideal, hai certa indefensión forzada nese espazo pechado.

Intentarei empezar polo principio, polo de Carrie (2013), dirixida por Kimberly Peirce, que é unha escena na que realmente non pasa nada sanguento pero que nos mostra a incomodidade da protagonista e en certo modo prefigura que non se leva ben coa auga (xa sabedes que máis tarde terá a escena da ducha). Outro fragmento con piscina no que aínda non pasa nada (máis aló da música enxordecedora) é en Suspiria (1977) de Dario Argento. O italiano vai repetir nunha piscina ben diferente, que xa nin azul é, cando en Phenomena (1985) decida que é hora de que Jennifer Connelly  se dea un baño non demasiado relaxante.

Xa vedes que no que se refire ás datas das pelis dou algúns saltos, queda o rigor cronolóxico para outra ocasión.

A que non sabedes que dá medo pero que moito medo? Caer nunha piscina nunha cadeira de rodas, todo a escuras e tendo de compañeiro de reparto ao grandioso Christopher Lee dicíndoche que toleas de vez, pois iso é o que lle pasa á probe de Susan Strasberg nesta produción da Hammer de 1961 dirixida por Seth Holt. Como para non berrar! Titúlase Scream of Fear, aínda que antes diso a chamaron Taste of Fear.

E digo eu, xa que en Galicia somos moi de atopar restos arqueolóxicos a pouco solo que se levante, que igual a xente de Poltergeist tiña que ter feito unha prospección ou algo antes de plantar alí a casa con piscina. A peli é do 1982, feita entre Tobe Hooper e Spielberg, aínda que por temas de contratos só figura o primeiro como director. Esta cinta ten algo moi especial, creo que marcou en certo modo a xeración que crecimos con ela. Toda esa lenda turbia coa morte de Caroline (da intérprete) e o facer do televisor tan omnipresente unha ameaza para as nosas existencias son feitos que quedan aí e van contigo. Ou a min pasoume. Poltergeist é literalmente “espírito inquietante”, que podo dicir? o alemán é unha língua marabillosa. Pero estaba co tema das piscinas, aceptade as disculpas porque o vídeo é ben malo. Parece ser que o atrezzo eran corpos que antes estiveran vivos, seica foi así máis barato.

Esta peli, para quen non a vira, se mira solta esta escena pode parecer cutre, pero é que non o é, traballan moi ben a tensión e cando isto pasa case estás desexando que pase, que Eli se encabree e tome cartas no asunto, que xa era hora. Let the Right One In (Déixame entrar, Låt den rätte komma in é o título orixinal). Dirixida no 2008 por Tomas Alfredson, baseada na novela homónima de John Ajvide Lindqvist, que foi quen adaptou o guión. A min esta película encantoume e iso que creo que a día de hoxe é moi difícil facer algo bo con vampiros.

Sabedes que están facendo o remake de The Rocky Horror Picture Show (1975, Jim Sharman), como non citar a secuencia orxiástica na piscina (Don’t dream it, be it!). Polo visto Susan Sarandon pillou unha neumonía logo de rodar nela, agradecémoslle o esforzo.

enhanced-buzz-10322-1376610586-4

Na que vén agora non é que teña unha escena nunha piscina, é que case xira toda a película en torno a ela, e ata lle dá nome: Swimming Pool de François Ozon (2003). E diredes que que fai isto aquí, que nin é horror nin nada. Claro que non encaixa coa etiqueta de horror clásico pero ten un algo que me gusta, un punto perverso que inunda toda a acción. As cousas non son o que parecen e o argumento da escritora que busca un retiro para escribir recórdame tanto a Stephen King.

Teño que facer unha excepción (saír das pelis para tratar dunha serie), que me perdoaredes, que é para falar de Hannibal, da escena da serie na que será atacado mentras está botando uns largos para manter ese corpo que Deus lle deu. E logo será crucificado. O capítulo é o quinto da segunda tempada, chámase Mukozuke.

Seguro que hai infinidade de piscinas no horror, que á xente gústanlle moito as pozas, pero eu vou rematar aquí. Deixei para o final a miña favorita. Non hai sangue, non se ve que pase nada. En teoría eran os anos de decadencia do terror clásico de monstros dos 30, pero Jacques Tourneur está por riba diso e fai esta xoia para a RKO no 1942: Cat People. Para min é sublime.

 

But black sin hath betrayed to endless night

my world, both parts, and both parts must die.

John Doone

 

 

 

 

 

2 comentarios

  1. A min todo isto dácheme moito medo (baños no mar, na piscina, nas pozas, no río). Non sabendo nadar, a auga paréceme o máis ameazante deste mundo!

    1. Claro que o é! E xa se lle engades vermes, sangue, esqueletes,… (“sustancia” para enterdérmonos) a ameaza ten un valor engadido. ;)

Deixar un comentario