É Hannibal Lecter o novo Drácula?


Esta non é unha pregunta tan simple como para plantexarse en base á súa preferencia alimenticia, non, hai certos matices que é preciso ir debullando…

Deixando á marxe a fantasía mítico-relixiosa que rodea o mundo vampírico podemos atopar uns cantos parecidos máis que razoables entre ambas figuras. Os dous se atopan clasificados nun colectivo -vampiros o primeiro e psicópatas ou antropófagos? o segundo- pero destacan de forma singular chegando a consolidarse como iconas dentro do xénero. Calquera persoa que nunca vira as súas pelis ou lera os seus libros sabe explicar máis ou menos quen son. Fronte ós monstros de susto e persecución -con ou sen coitelo- estes dous non son amigos de improvisar; Lecter é quen de invadir a mente da vítima coa súa fonda e brutal intelixencia e o Conde é descrito e representado como unha araña que tece a trampa na que caen os escollidos, ademais de empregar tamén o seu magnetismo persoal para hipnotizar e conseguir o que quere. A suxestión é así algo que ambos empregan para manexar as persoas desde a súa posición de observador externo e curioso, capaz de fascinarse coa natureza humana sentíndose alleo a ela.

Mais volvendo á etiquetaxe dentro dun colectivo, o caso de Lecter é certamente complexo. Non é un indíxena pintado e en taparrabos que vaia comendo exploradores, aínda que tamén hai outros caníbales no 1º mundo e non son como Hannibal. Mad Doctor? Penseino nalgún momento pero non, non busca crerse Deus, el só ten curiosidade e disfruta do que fai dunha forma un tanto sibarita. Repetidas veces fala de como Deus mata a diario e nos creou á súa semellanza tamén nese sentido. Psicokiller? Cando falan entre os colegas psiquiatras sobre como clasificalo din que con el se emprega o termo “sociópata” porque non saben como chamalo, pódenselle aplicar algunhas características dos psicópatas pero difire noutras. Din tamén que non existe palabra para describilo agás “MONSTRO”. E quen é o príncipe dos monstros clásicos senón Drácula?

E para enlazalos na orixe debemos lembrar a figura de Vlad Tepes e os feitos que o marcaron que, aínda que non sexa a figura fictícea de Drácula, é parte da lenda e axuda a dar forma á imaxe global que del temos. O personaxe de Hannibal tamén ten a súa orixe na Europa do Leste, nunha familia ben posicionada, de aí a súa elegancia e gustos refinados así como a importancia que concede ás boas maneiras. De neno sofre unha traumática experiencia relacionada coa guerra, na que chega a sufrir cativerio -coma o mesmo Tepes cos turcos- que, aínda que breve, o expuxo á matanza e devoración da súa irmá pequena Mischa. De aí a súa temperá exposición á antropofaxia -o mesmo ca Tepes coas torturas- e o móbil de vinganza que o levará a xustificar a súa primeira serie de crimes.

E se o Conde ten o seu rival en Van Helsing, científico de gran intelixencia e entendemento, Hannibal ten a Will Graham, tamén posuídor dun enfoque sumamente aberto e que se entrega en corpo e espírito á caza do Mal. Creo que era contra o final da peli Hero (Zhang Yimou, 2002) que o monarca dicía que ninguén o soubera entender mellor ca o seu máis grande inimigo. Pois si, é unha posición solitaria a do monstro e estraña a compañía máis próxima de quen pretende entendelo para darlle caza.

Con todo, tamén teñen diferencias o conde e o doutor, o primeiro padece a súa existencia coma unha maldición, desexando estar morto, realmente morto… e Hannibal explora cada recuncho da existencia, facendo alarde da súa “liberdade”, que el entende como levar a cabo o seu estilo de vida que inclúe aniquilar atrozmente a quen lle pareza convinte. Drácula case que está amarrado á súa condición de depredador e Hannibal, sendo humano de nacemento, exerce de depredador entre a súa especie. Mais, é unha escolla persoal ou é -tal e como el o entende- a súa propia natureza? Supoño que ese debate son palabras maiores ás que debera responder xente máis formada ca min no ámbito do mental. Por que ía pedir axuda para resolver o seu problema -a psicopatía- alguén a quen realmente ese trastorno non o perxudica? Xa que só o inclina a accións coas que son os demáis os danados ten lóxica non querer moverse desa situación de privilexio. Unha lóxica execrable que explica gran parte da estrutura social na que vivimos. E como non quero falar de política imos deixalo aquí, non vaia ser que me pechen o blog.

Volverei con máis Hannibal, non o dubidedes.

 

 

Advertisements

One comment

  1. Moi bo entrada!!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: