Séculos que levaba con este filme pendente de ver e foi nun casual que a deron na galega. Falo de I walked with a zombie. Para quen non a coñeza, peli dirixida por Jacques Tourneur no 43, xusto un ano despois da Muller Pantera -Cat People.
Xunto con White Zombie formaron as orixes do cine de zombies -as duas co vudú- ata que Romero o retomou a finais dos 60.

I walked with a zombie encantoume, e non consigo no cine actual atopar obras que me entusiasmen con esa frescura e pureza, sempre vixentes, ben feitas. Será que agora os grandes estudios xa non fan o cine con aquel amor? ou será nostalxia expresionista? Minto, ás veces o cinema nórdico si que me trae certo aire fresco, e algunha peza oriental tamén, pero tan poucas… Será o que padezo un romanticismo irremediable? porque case todo o que se fai hoxe sábeme a comida feita no microondas.
No cine de terror clásico -vale que non sempre- degustas cada plano, as texturas e os tempos saben diferente, coma as filloas feitas con ovos da casa, pero co glamour do Hollywood das estrelas. Con todo ese talento humano no que case ninguén é americano, toda a xenialidade de Europa escapara a unha nova especie de París. Hoxe non vexo onde quedou esa herdanza. Producirán e farán caixa pero non sabe a nada. Só a baleiro.

“PAUL: That luminous water, it takes its gleam from millions of tiny dead bodies. The glitter of putrescence. There is no beauty here, only death and decay.
BETSY: You can’t really believe that.
PAUL: Everything good dies here. Even the stars.“
O filme está repleto de dualidades, os dous irmáns, as dúas mulleres, as dúas relixións/as dúas medicinas, as dúas castes sociais e razas. As duas vidas e mortes, que non son o mesmo para todos (os escravos choran cos nacementos e celebran os enterros). O Ben e o Mal, vaia. E a dualidade xa sabemos o que pasa con ela, que ou se leva con harmonía e conciliación (cando pasa isto?¿) ou ben provoca conflito e hai que rompela con algunha sorte de catarse. Pero non quero adiantar nada.





